Semana Verde .06
Como xa apuntei, un pequeno problema de saúde ó longo da semana pasada, fíxome perder as expectativas de cara o examen que tiña este luns. Por iso me deixei tentar coas invitacións que conseguira un amigo e fun, por primeira vez na miña vida, á Feira da Semana Verde de Silleda.
A feira, para situarnos a grandes rasgos, ten catro áreas: A feira de maquinaria agrícola e forestal, a feira de gando, os estáns de empresas e institucións que gardan algunha relación co sector (ou non) e unha serie de accesorios como artesanías, artigos de regalo, e papadoiras varias de diferentes niveis de enxebrismo.
Como precedente debo dicir que, hai cinco ou seis anos, xa estivera no recinto feiral de Silleda, nunha feira de maquinaria industrial, e xulgando as proporcións daquela construcción, supostamente dimensionada para a Semana Verde, supuxera que se trataría de unha mostra, cando menos, espectacular, pero a verdade e que quedei bastante decepcionado.
A mostra de maquinaria (o meu interese principal) só tiña de lucida a representación do sector forestal, con tres autocargadores e unha colleitadora bastante aparatosos, pero máis ben pouco de maquinaria agrícola, con dominio das alimentadoras de gando estabulado, unha colleitadora de forraxes, duas marcas de tractores, máis algun solto… e case podemos ir parando. Supuxemos que o fiasco viña porque hai outra feira (CIMAG), específica de maquinaria, alá polo mes de xaneiro do 2007. A mostra de gando gustoume, porque eu apenas tiña nocións pola feira de Redondela, na que só había porcos, aves e becerras, e que xa hai uns anos que non se fai por orde da Xunta e desentendimento do concello. Así, nunha metade adicada a razas foráneas e a outra ás autóctonas, andiven entre eses animais tan adorables, á par que idiosincráticos, que son as vacas, quedei maravillado con un touro de máis de mil seiscentos kilos da raza rubia galega (o da foto), e incluso resolvín algunha dúbida sobre porcos e cabras que tiña eu pendientes.
O peor, con diferencia, os dous pabellóns adicados a estáns. Como apuntei o outro día, o que máis sobraba era Marina D’Or, e coido que non fai falla reflexión algunha ó respecto. Seguindo por ahí, tampouco tiñan moito que ver coa cuestión agro-forestal outras empresas representadas na feira, como algún xornal galego, nin Mapfre, que a diferencia de outras aseguradoras e financieiras, con mensaxes orientados ós agricultores profesionais, lucía un dos postos máis grandes e vistosos, claramente orientado a colocar cantos seguros de automóvil lle fose posible. Pero si este oportunismo intruso parece lamentable, aínda hubo outra impresión peor. Naturalmente, había mostras de maquinaria para o sector lácteo, proveedores de sementes, agroquímicos, institucións públicas, e postos de productos agrícolas, claro. Aceites, aceitunas, queixos e embutidos… ¡prácticamente todos de fora! Galegos, había unha fila de pequenos estáns de bodegas, tres ou catro queixeiras (pequenas industrias, non señoras), Bacelos de Biobra con algún outro producto ecolóxico (ademáis do seu viño) no posto, os productores de cereixas, un están conxunto e bastante pouco chamativo das denominacións de orixe e non lembro apenas ningunha outra verdadeira representación do agro galego. ¿Onde estaban representadas milleiros de hectáreas adicadas a patacas, verdura, repolos, pimentos, cereais, forraxes…? ¿Onde estaba a carne e o leite que se vende? O que aínda camiñaba sobre as catro patas na exposición antes citada, pero ¿e o que está listo para o mercado? ¿Onde estaban os agricultores galegos? Certamente había unha chea de eles, pero mirando, agardando a que lle meteran cousas polos ollos, que maioritariamente non tiñan nada que ver co seu traballo, pero de exposición nada de nada. Calquera que vaia á unha feira normal, ou a un mercado de Galicia levará mellor impresión da variedade e calidade dos productos agrícolas da nosa terra que visitando a Semana Verde, que sen dúbida é unha boa oportunidade para ver homes de negocios, azafatas e vendedores varios, pero pouco do que se fai no noso campo. Quizáis tivese que buscar mellor ou acudir ás xornadas técnicas e conferencias, non sei.
Comparado coa feira do Baixo Miño (Tui) ou a Expofegasa (Ordes), como público xeral interesado nas actividades económicas da miña terra, case me quedo coas outras dúas, non só porque sexan moito máis representativas, que o son si comparamos as súas escalas coa Semana Verde, sinon porque ademáis non se lles pode reprochar que sexan un despilfarro con raíces na Xunta, con uns obxetivos tan difusos como eu apreciei este fin de semana, e nun recinto feiral tan farónico como pouco aproveitado. E para colmo, con unha música ambiental máis ben dolorosa. Unha pena.
Vostede pregúntase polas razóns de que non haxa produtores da terra na SV. Abonda con botar unha ollada aos prezos de instalación dos estands para ter a resposta. Non coñezo os de este ano, pero hai algúns anos (en “vida” de maril) tivemos que poñer un estand (daquela, e según en que casos, tiñas que montar estand por pelotas, xa me entende…). Ademais de deixar unha fortuna no aluguer do espazo, algún mobiliario e mesmo a corrente (non lembro exactamente o prezo, pero era mais ou menos o custe mensual da miña oficina), pasamos catro días mortos de noxo vendo desfilar paisanos con gorras de beisbol cortesía do bancopastor ou similar e colleitadores de folletos en xeral. E coma nos, todos os nosos veciños de estand. Resultado: nin un só contacto comercial (xa non digamos vendas). Excuso dicir que xa non volvín, nin como expositor nin como visitante.
Leía o outro día que a Consellería de Medio Rural pretende dar un xiro de orientación na SV nos vindeiros anos: a ver se é verdade….
Comment by eSedidió — June 21, 2006 @ 1:02 pm
Home, eu non quixen virme para a casa sin unha gorra de Feiraco que tiña todo o mundo menos eu.
Catálogos, tamén truxen algún, sobre todo de maquinaria, por aprender algo; pero tamén truxen algunha tarxeta e número de teléfono… por si acaso.
O sorprendente, falando con dúas profesoras do IES “A Granxa”, de Ponteareas, que estaban no están da Consellería de Educación co choio da FP, foi que, según elas, a maioría da xente estaba ávida de mercar cousas. Chegaban alí e querían mercarlle o viño (que fan no IES) que tiñan para os aperitivos ou incluso as plantas que decoraban o stan. Por iso digo que, si a IXP “Pataca de Galicia” tivera un posto, por exemplo, algo había de vender. Ós da APROCEGA, coido que tamén lles oín insistir que as cereixas que estaban alí eran de mostra, non para vender… O que non sei e si, por exemplo os do están de Eroski (que estaba ó lado ¿ou era Froiz? :S) se achegarían a facer algún tipo de negocio con eles, que se supón que era o máis interesante.
Comment by F. Miguez — June 21, 2006 @ 6:51 pm