A por eles, oé.
Acabo de sair dunha, para logo me meter no traballo de outra, que temos que rematar hoxe… ¡e o que ven para a semana! Así, pois, limitareime a copiar e comentar un dos correos que recibín coa convocatoria de manifestación, este sábado en Nigrán (Gracias Julio).
As Asociacións de Veciños de Nigrán veñen de convocar unha manifestación para o próximo sábado 17 de xuño, contra o Plan Xeral, a especulación e a corrupción, nunha convocatoria expresamente aberta a todos os colectivos que queiran asistir.
SALVEMOS MONTEFERRO, que se sumou desde o primeiro momento a esta iniciativa, quere animarvos a participar masivamente nela.
Pensamos que é o momento de amosar unidade e forza diante dos que, por un puñado de euros, queren destruír a nosa paisaxe, a nosa riqueza natural, a nosa forma de vida.
A seguir reproducimos o texto da convocatoria.
Unha aperta e ata o sábado
CHAMAMENTO DAS ASOCIACIÓNS DE VECIÑOS DE NIGRÁN
Veciñ@s, amig@s:
As AA. VV. de Nigrán convocan a todos á manifestación MÁIS.
A máis pacífica, a máis numerosa, a máis contundente, a máis solidaria…
Convocamos tamén a tódolos colectivos que se solidaricen coa nosa causa.
Sábado 17 de xuño, reunirémonos nas Angustias ás 21:00 horas e baixaremos cara ó concello pola Avda. Val Miñor (500 m), para reclamar un novo PXOM ante o aluvión de presuntos actos delictivos do Plan que defende o Sr. alcalde. Agradecemos de antemán a vosa asistencia.
Unha aperta a tod@s.
Comento que todo o que poida, debería acudir a esta manifestación; trátase de un problema que non só lle afecta ós de Nigrán, senon que nos afecta e afectará ós que vivimos no resto de Galicia. Na orixe e fondo deste problema, está a insolvencia de unha clase política que, con un cuarto de século de autonomía, e vinte anos a queimar fondos da Unión Europea, aínda non conseguiu definir unha política territorial axeitada ás particularidades da nosa terra, e as necesidades dos que nela vivimos. Pero, en fonduras, xa me meterei cando teña vacacións, ou máis tempo; do que se trata agora é de parar a campaña de especulación inmobiliaria que se cerne sobre Galicia, lesiva para o noso patrimonio ambiental e agrícola e totalmente alleo ás necesidades de vivenda da maioría dos galegos. Nigrán é unha das frontes abertas e, como ensinan os postulados clásicos da estratexia, canto maior sexa a súa concentración de forzas nun escenario, maior a probabilidade que ten un bando de acadar a victoria. Xuntemos os nosos esforzos en Nigrán o sábado, e para a próxima onde toque, porque ó final, polo que loitamos, ou polo que loito eu (lamento que esta frase lembre a Hitler, pero cos plomos medio fundidos como ando, logo se me esgotan os recursos) é por unha Galicia na que ignorancia e egoísmo de unha minoría, deixe de ser o lucro dos catro chupóns que sempre dicen os vellos.
Algo máis, xa o deixara apuntado aquí, por si se quixera lembrar.
Dende logo hai que evitar esa desfeita.
Un saudo e que saian bos os allos.
Comment by acedre — June 14, 2006 @ 8:27 pm