Amnistía para Nemat.
Dende que vin a película Sendeiros de Gloria, quedei fascinado coa idea de aquelas execucións exemplarizantes dos militarismos máis rancios. ¿E si se xulgase así, sumarísimamente, ós dirixentes que promoveron algunha vez unha guerra, en beneficio de uns intereses ben alleos ós dos cidadáns que os escolleron para os representar? Quizáis o fusilamento público dos posantes naquela foto anticiclónica, así como do seu circo de acólitos tamén interesados, e do propio Saddam (non fora a pensar que quedaba él coa razón), tería servido para que hoxe se solucionase a cuestión do uranio iraní en terminos de “Prégolle que me desculpe por non térseme ocurrido a min antes.” e outros alardes de respeto político.
Quizáis ter reunido a toda a clase política galega na Praza do Obradoiro, para ver cómo pasaba polas armas a algún alcalde galego, dos que sacan peito para se enfrentar ás protestas veciñais, tería evitado tanta tensión social en Galicia como a que produxo os disturbios que aconteceron a semana pasada en Nigrán, ou tería adiantado o fin das prácticas escuras nas deputacións provinciais, sin opción a polemizar sobre a oportunidade das formas policiais.
Tal vez chegara con douscentos ou cincocentos latigazos, ó estilo da Bounty cinematográfica, no lombo do primeiro que utilizou o drama do terrorismo para campaña electoral, ou de calquera clérigo (independientemente da súa relixión) que postule en favor da violencia contra as mulleres.
Quede claro que non estou falando de xusticia, nin por asomo. Ningunha de estas medidas se axusta a dereito, nin garda unha proporción entre falta e castigo; ó contrario, da desproporción, agárdase que cunda o exemplo entre aqueles que, na mesma situación que se vira o reo, estiveran tentados a se conducir da mesma maneira.
Lamentablemente, a revolución francesa, a revolución soviética ou o alzamento contra Ceaucescu en Rumanía son rarezas de represión violenta hacia aqueles que algún día obraron a sabendas en contra do seu pobo (e para iso, en Francia púxose Bonaparte, e na URSS, Stalin). Fora de contadas excepcións, e despois de cinco mil anos de historia escrita, a tónica dominante sigue a ser que as inxusticias, a violencia, e a violación dos dereitos fundamentais das persoas siguen a facerse por uns poucos, que están nun “arriba” imaxinario hacia a maioría, os de “abaixo”. Si facer demagoxia é pedir que a represión pase a producirse do pobo ós altos estamentos, adiante, que me chamen demagogo (pero non sin antes explicar qué gaño con tal demagoxia) porque así é como o vexo eu, a través do prisma das campañas de Amnistía Internacional que veño recibindo por e-mail, a petición propia, dende haberá dou anos.
Cada vez que leo algunha, empezo pensando na facilidade que ten esa xente para conmoverme coas historias que presetan, paso por darme conta que son as historias mesmas as que me callan, e non a súa narración, e acabo jodido por unhas horas pensando na clase de cabróns que hai polo mundo adiante, nas masas de ignorantes que os manteñen, e, sobre todo, polo insignificante que resulta un indivíduo (víctima ou meramente solidario) fronte a cinco mil anos de estupideces acreditadas por escrito en todo o mundo. Aínda estou a agardar que Amnistía Internacional emprenda unha campaña que se axuste ó perfil “Os veciños de unha vila de calquer lugar do mundo están a escoller o pino máis alto do seu concello para colgar a un tipo que levaba anos cometendo tropelías no nome da súa autoridade, política, militar, relixiosa ou económica. Axúdanos a salvalo”, pero nada. Só casos aberrantes e inxustos dende a única perspectiva válida que é a humana. Mulleres condenadas a morrer apedrexadas por apareceren embarazadas (Eu cría que a lapidación era algo abominable hasta que vin as imaxes de unha; non coñezo ningunha palabra que defina aquilo.), xuícios inxustos contra minorías raciales en paises “desenrolados”… e agora isto.
Que Irán sexa un país de tradición na agresión ós dereitos humanos, non quere dicir que non teñamos a obriga de lle impedir executar a un menor; como temos a obriga de protestar, nestes días de aniversario, porque a grande amiga dos noso negocios, China, siga sin respetar a integridade de moitas persoas. Tampouco vale dicir que os paises africanos, como son subdesenvolvidos, teñen carencias culturais que dan orixe a feitos como a ablación ou a lapidación de mulleres infieis.
As únicas leis que non podemos cambiar, son as da natureza (e para iso, cambiamos de vez en cando os modelos teóricos que as explican) as outras, aínda que sexan invocando a deus ou ó estado, son todas escritas por seres humanos, e somos a xente os que debemos de cambialas para que se adapten máis ós que as padecen que ós intereses ou ós delirios de quen as escribe. Podemos, e debemos cambiar aquilo que nas leis dos nosos países “desenrolados” sexa lesivo para o ser humano. Do mesmo xeito, podemos e debemos promover cambios en países de longa “tradición” de atentado contra os dereitos humanos a través da presión internacional, dirixida correctamente a ese fin, e e non a potenciar intereses políticos ou estratéxicos. Está nas nosas mans, a través da presión que exezamos sobre os nosos representantes democráticos, aínda que teñamos que fusilar a algún de vez en cando, para que os outros se enteren.
P.D.: Xusto antes de publicar este post, leo na edición dixital de El País, que Filipinas votou hoxe por abolir a pena de morte (a noticia era de un minuto antes de abrir eu a páxina). Cambiar o mundo non é posible, cambiar o que fan as persoas sí.
Vexo que esto da temporada de exames séntalle fatal, Sr. Miguez. Vai ser mellor que acougue antes de facer algunha tolería
Comment by eSedidió — June 8, 2006 @ 10:12 am
Home, un pouco tenso sí que lle ando. Pero debo alegar, no meu descargo, que no canto de sentir o odio unánime de todos os estudiantes en exames hacia os seus docentes, a min dame por agarrala coas máis altas instancias.
Comment by F. Miguez — June 10, 2006 @ 5:54 pm