Madrid, xusto o que non se debe facer.

A noticia de que Esperanza Aguirre lle vai trae-la chuvia ós madrileños xa chegou á televisión, con opinións de expertos e non tan expertos sobre a mesiática iniciativa. Os meteorólogos que falan do tema veñen a dicir que é posible, pero que conleva riscos como o pedrisco, e outras inestabilidades; os xornalistas (esta mañá, en telecinco) plantexaban outra cuestión non menos importante que é a lexitimidade de unha comunidade para monxer unha nube que podería acarrexar auga para outra comunidade calquera; e eu, fago unha análise máis xeneralizada.
Tratar de conseguir que o ceo nos dea auga cando a precisamos xa é un conto vello, tentouse con danzas, con ritos chamánicos, con procesións de santos patronos e, últimamente, con métodos científico-técnicos como o da precipitación con Ioduro de Plata. Colocar o caso madrileño nese contexto é, na miña opinión, un erro. A perspectiva dende a que eu o plantexaría sería a de que na Comunidade Autónoma de Madrid, e en particular nos concellos da área metropolitana da capital, concentrouse nas últimas décadas unha población maior da que os seus recursos hídricos poden abastecer; coido que si o buscase, non toparía mellor exemplo de desenvolvemento non sustentable. Criterios económicos, de congregar un inxente volume de man de obra para esa maioría de empresas que aproveitan a centralización do estado español en torno á capital, levaron a ese desequilibrio entre as posibilidades de abastecemento de un ben de primeira necesidade como é a auga, e as necesidades de esa población concentrada. A solución fácil é acarrexar auga de outro sitio, sexa por trasvases, en cisternas ou, como proxecta Esperanza Aguirre, sacándoa das nubes, pero esa solución ten dous inconvenientes: o primeiro, que onde se quita a auga, seguramente tamén é necesaria, e o segundo, que as repercusións sobre o medio ambiente poden ser nefastas. Verter ó ambiente calquera producto químico indiscriminadamente sempre conleva un risco, o de descoñecer de antemán os seus efectos no futuro; exemplo capital de isto foron os CFCs, que se lanzaron á atmósfera coa seguridade de que non eran tóxicos, nin inflambles, nin corrosivos… e déronnos polo Sur. Por outra parte, a atmósfera é un complexo sistema termodinámico que se regula a sí mesmo con mecanismos como a choiva ou o vento; calquera perturbación que se fai de esa regulación pagámola con unhas tasas bastante elevadas, empezando pola tasa da ignorancia que temos, por máis que a ciencia avanzara, da evolución meteorolóxica a medio e longo plazo.
Por tanto, a mellor solución para o problema de abastecemento de augas de Madrid sería tan barato como frenar o seu crecimento de poboación, con políticas de descentralización económica e dispersión da poboación hacia zonas que estan a resultar despoboadas polas corrientes migratorias internas do estado, nas que a auga e a alimentación, vía agricultura, levan miles de anos garantidas (Toma nota, Galicia, poboación dispersa=maior sustentabilidade das necesidades básicas-dificultades no acceso ós servicios públicos. Ti decides.).
Adoptar esa estratexia é unha decisión política que, lamentablemente, vexo inviable desde uns estamentos capaces de saltarse a declaración de impacto ambiental das obras que promoven. Porque o tal informe de impacto ambiental non evalúa cómo se van a ver afectadas as baleas do Pacífico ou o xeo da Antártida, sinon as persoas que viven no entorno de unha obra. Fortes egos e avaricias varias deben de estar detrás de unha maniobra tan mezquina que, por certo, non hai que ir hasta Madrid para atopala.

Cómo descubrin o que pasa.

Hoxe din por rematada a campaña de exames de xunio de este ano, con resultados dentro dos obxetivos marcados, pese ó fiasco da estadística. Un mes de xunio no que renunciei por completo ó exercicio físico, renunciei parcialmente á vida social e non renunciei en absoluto ó blogueo.
No que se refire a este chiringuito, mantíveno aberto con posts que tiña no almacén, posts de urxencia sobre cousas que me chamaron moito a atención, e algún con ambas compoñentes. Pero o complicado estivo no contacto cos demáis blogs, xa que teño uns cincuenta catalogados na carpeta de favoritos (sí, fáltanme moitos por poñer na lista que está á dereita de esta páxina); visitalos todos un por un, coa miña estupenda conexión de 45Kb/s demanda aproximadamente 1h 45min, e nin todos están e blogaliza ou blogalego, nin me quería meter en ningunha das dúas páxinas porque, coñecéndome, acabaría lendo todas as entradas ou case, e o balance de tempo adicado ía ser todavía peor. Así que, na primeira ou segunda semana do mes, ocurriuseme que podería facer un programa que rexistrase só os feeds dos blogs que visito normalmente. ¡Qué listo fun! Non por ter semellante idea, senon por me ter dado conta a tempo de dúas cousas: A primeira, é que non teño nin idea de programación web (e da outra case podemos decir o mesmo). A segunda, que sempre me pasa o mesmo, e sobre todo en informática. Cada vez que penso “podería facer un invento que…” resulta que xa está inventado de vello, ou non tan vello. Así que preguntei por ahí e entereime de que, como sospeitaba, o choio estaba inventado. E non so iso, sinon que o Opera que teño instalado xa o ten. Como a humildade e a experiencia me impiden considerarme moi listo, podo dicir que non me sentín nada pámpano en absoluto, é máis, congratuleime de ter sospeitado a tempo que ía facer o ridículo tentando algo que xa estaba superadísimo.
O caso e que Opera non me acaba de convencer, máis pola miña culpa que pola súa, e acabei por aproveitar que xa tiña unha conta de Gmail para me introducir de cheo no Google reader. Optei polo servicio de Google porque así podo acceder a él dende calquera ordenador con unha conexión a Internet, e non só dende o meu, que é onde residen os arquivos do Opera; e iso a pesar de que tanto buen-rollito-todo-gratis de Google me levanta a sospeita de que traian entre mans algo, tipo fecha-la villa e someter ó mundo, ou algo así.
Xa suscrito a case todos eses blogues de confianza, quixen probar cos xornais e suscribinme ós dous primeiros que me viñeron á cabeza, non me deron arcadas, e foron recoñecidos polo reader (vamos, que en total me pasaron sete pola cabeza). A experiencia ten pros e contras. O principal defecto que lle vexo, é que me comunican entre doce e vinte veces diarias noticias repetidas, algunha coa entidade de “La reina Isabel II cuesta al año a los británicos menos que una taza de café” ou por ahí. A principal ventaxa, para min, que comunican as noticias grandes e as pequenas. O tamaño de unha noticia é relativo ó das demáis que se produzan non día, e en espacios finitos como un telexornal, o reparto é proporcional a ese peso relativo. En cambio, vía rss, eu decido que tempo adicarlle a cada noticia e, en plena voráxine do mundial de xogar á pelota, entérome de que “El volumen de peces cayó un 90% en los últimos cien años”. E gardando as blasfemias e palabras malsoantes para min, digo que se pon un nudo na gorxa (¿será verdadeiramente un nudo?) da comparación que fago co argumento da película Cando o Destino Nos Alcance, na que unha población miserenta se alimentaba de unhas galletas chamadas Soylent Green feitas de restos humanos, por mor da imposibilidade de obter alimento para toda a xente.
Esa noticia fala por sí soa, pero saquei do Google reader outras dúas liñas de actualidade que quero comentar, porque… algunha non apunta moi lonxe das bases de aquela película.
Agora, que estou de vacacións, todo será posible :D
Durante uns días.

O luto das avoas.

Lin en fiosinvisibles un entrañable post (como todos os que fai torredebabel) sobre aquel riguroso loito das avoas que todos, ou polo menos os que mantivemos as raíces rurais, coñecimos de primeira man. Eu quero dar unha visión un pouco diferente á súa da cuestión.
A nosa cultura, a do noroeste peninsular (Galicia, Norte de Portugal, Bierzo…), ten recoñecidas unhas influencias históricas características, ó non compartir co resto das rexións máis próximas o catálogo de colonizacións e migracións chegadas ó longo dos séculos. A principal diferencia, probablemente, foi a chegada de diferentes culturas dende o centro e norte de Europa, principalmente Celtas e Suevos, pertencentes a un tronco etnográfico alleo e ben distinguible das máis populares e laureadas civiliacións do entorno mediterráneo. As nosas, as da Europa central e septentrional, húmida e verde, orientaron a súa supervivencia hacia unha agricultura sedentaria, que deviu co tempo nun apego á terra que fornecía o sustento; canto máis apego, máis cariño e, canto máis cariño recibe a terra, máis xeneroso é o sustento. Non é ningún segredo que os galegos, os galegos tradicionais, tamén somos dados a estar apegados ó terruño, sexa por ter experimentado esa relación dedicación-comida de primeira man, ou por ter herdado daqueles devanceiros esa perspectiva.
O feito é que no Mediterráneo, nesas culturas cuia historia se estudia nos colexios de todo o mundo, tivo gran repercusión social unha agricultura máis baseada no pastoreo, xurdindo esa figura do home venerable que cuida un rebaño de cabras, un rebaño de fillos, e un rebaño de mulleres, asumida de cheo nos tres monoteísmos occidentais. Pero para a sociedade celta, por exemplo, si a terra era a base para o sustento da vida, debería de estar en mans da figura social que trae a vida ó mundo: a nai. É un estudio curioso, ese de descubrir como xudaísmo, cristianismo e islam (as relixións dos pastores) reservaron o máis fondo do anonimato para as mulleres, mentres naquelas culturas animistas de máis ó norte, o nucleo familiar e a súa base territorial xiraban en torno ás mulleres. Pero é aínda máis curioso si miro arredor miña.
O meu avó materno, cando lle preguntaban de onde era, sempre respondía irónicamente “Eu son de Ghizán, perteneciente ó aiuntamiento de Mos, pero fun a servir para Saghamonde, Redondela.” En referencia ó feito de que, ó se casar, viñera para a casa da súa familia política, e era nas terras de esta onde traballababa. Sin gardar relación con iso, a familia da súa muller, que é a miña avoa, está emparentada con unha “linaxe” redondelana que son as “Serranas”. Tres xeneracións de mulleres cuios maridos e fillos varóns arrastran a denominación “o de … a Serrana”.
Pola familia paterna, non é menos. Hai uns anos, nunha voda da rama que a familia ten no norte de Portugal, quedei abraiado coa reacción dunha menina portuguesa, cando lle dixeron “estes son os parentes da Espanha, e esta é a tía Benedicta”. A tía Benedicta é a miña avoa paterna, e unha das raíces máis antigas da xenealoxía familiar aínda con vida; coa indiferencia absoluta que os demáis parentes da Espanha lle producimos á rapariga, contrastou a cara de admiración que puxo cando por fin viu en persoa a “a tia”, tanto sería o que levaba oído falar de ela.
Calquera que mire ó seu redor, darase conta de que o galego tradicional casou e marchou para a terra da súa muller, de que as leiras son normalmente de ela e de que, en resumen, debemos de herdar (entre outras cousas) ese matriarcado que nos truxeron os parentes da Europa escura. Dito de outro xeito, legado de unhas culturas animistas nas que a fertilidade era divinizada, que pasaron por Galicia haberá uns catro mil anos (para que despois nos asombremos da “milenaria” cultura china), quedou na nosa cultura a percepción da muller como centro da casa e da familia. Pero tamén, por extensión, como tesoreira da vida en sí mesma, por traela ó mundo, por coidala hasta que xa era autosuficiente e desde que xa non era máis autosuficiente. E nesa relación directa coa vida, é onde vexo eu que está a orixe da profunda dor que provoca a morte, como frustración última e inevitable de ese papel case místico da muller. E despóis, o loito.
Remato con unha aclaración e dúas conclusións:
-Eu non son historiador. O aquí dito xurde como resultado de coñecementos que puiden recibir de diversas lecturas ou afirmacións de persoas que considerei máis acreditados ca min, e da miña vivencia e observación personales. Ademáis, produciríame unha grande pena que, de algo expresado aquí, se desprendese un xuicio comparativo hacia outras culturas, citadas só para ilustrar por contraste o que pretendo dicir da miña propia.
-As “responsabilidades compartidas” non teñen por qué estar reñidas co que aquí se dixo. Abro as portas da miña casa para fachendear co exemplo de que aquel home que viñera de Ghizán “a servir” en Saghamonde coidou do seu sogro hasta os seus últimos días, como hoxe coidamos de él os tres homes que estamos na casa.
-Efectivamente, hai na tradición galega rasgos e coñecementos tan antigos como o paradigma de tradición antiga que é a asiática, coa diferencia de que a tradición asíatica xira en torno a outros cultivos, outra meteoroloxía e outra terra distinta da que lles deu de comer a cantos viviron en este recuncho nos ultimos cincomil anos. Eses coñecementos, e moitos outros (esta conclusión manifesta a miña adhesión á da páxina enlazada), sobreviviron ó Imperio Romano, ó cristianismo, ó islam, ós Reis Católicos, a Napoleón Bonaparte e ó Xeneral Franco, pero parece que non sobrevivirán á televisión, o cemento e demáis aportacións da modernidade a destempo dos últimos trinta anos. E pensar que a idea de que tivese existido un Ultimo Mohicano me desalmaba cando era máis novo…

A nova normativa de tráfico.

Hoxe, a noticia foi que se culminou unha das miñas desazóns legais e, segundo parece, vaise reformar o código penal para que certas infraccións de tráfico poidan estar suxeitas a penas cárcere. Xa apuntara unha densa reflexión ó respecto que non me vou poñer a repetir, pero seguirei a manifestar a miña oposición a esta medida. Honestamente, pensara argumentar nos términos clásicos de “eu teño un amigo…” pero coido que, de falacias e medias verdades, está chea a política de seguridade vial que se está a facer en España. Por tanto, fágome enteiramente responsable dos meus actos e explico a miña postura con eles.

¡Quieto parado!

Eu vivo con un pé en Redondela e outro en Culleredo, de xeito que teño feito moitísimas veces a viaxe que une os dous concellos, e aproximadamente a metade pola autopista que agora se chama AP-9. O tempo normal para esa viaxe por autopista ronda a hora e media, pero téñome visto en circunstancias (as que sexan) nas que me vin obligado a reducir ese tempo hasta deixalo nunha hora, máis ou menos , que é o mínimo razonable. Para iso, débese levar unha velocidade promedio duns 150Km/h, que tendo en conta entradas, saídas e peaxes, esixe puntas entre 190 e 210Km/h. Agora que xa queda constancia pública de que son (mellor dito, fun, porque dende o verán do 2005 non me volvín atopar en tales lideiras) un peligro público, un temerario ou, cos novos criterios penais, un criminal, será mellor que explique as miñas razóns para que, si se teima en criminalizar, que se faga con algún argumento que rebata o que eu expoño.
Circular por enriba de 190Km/h non significa facelo sempre, senón cando se pode. As miñas formas, dictadas polo sentido común, consisten e tomar as curvas perigosas (esas tan numerosas na AP-9 e outras vías de alta capacidade galegas) a unha velocidade, a que sexa, que garanta a estabilidade da traxectoria e, sobre todo, respetar ós demáis usuarios da vía. Cando un se aproxima a outro vehículo que circula máis a modo pola autoestrada, a maneira correcta e segura de adiantalo consiste en frear hasta quedar a unha velocidade 20 ou 30Km/h superior, adiantalo (ou adiantalos) progresivamente e sin sobresaltalo, e logo volver a acelerar hasta a velocidade desexada ou aconsellada polas circunstancias. Con esa maña tan sinxela de respetar ós demáis, e correr só cando non hai risco de tropezar con eles, podo contar que en oito anos de viaxes pola AP-9 só me vin en perigo tres veces, que describo para que sexan xulgadas por quen queira facer un xuízo franco de elas.
A primeira, foi hai xa uns anos; circulando a 140Km/h collín un socabón no pavimento e o coche saltoume do carril polo que ía ó do lado, achegándome contra o gardarraíl de xeito alleo á miña vontade; naturalmente, a culpa foi miña por non ter pensado que na principal arteria de Galicia puidese topar un bache tan fondo como aquel, e a lección quedoume aprendida. A segunda, foron as inundacións que apuntara no seu día, nas que me mantiven fiel ó criterio de adapta-la velocidade ás circunstancias e non ás normas e reducín en casos hasta 70-80Km/h para garanti-la seguridade. A terceira, e máis simbólica, foi precisamente o ano pasado nunha desas viaxes precipitadas. Enfilando a saída 7 (O Burgo), reducín a 90-100Km/h para entrar no carril de deceleración e, unha vez nel, seguín freando. Iría entre 60 e 80Km/h cando un Citröen Saxo que circulaba aínda máis a modo polo carril da dereita, á altura do raiado no chan que indica que xa non se pode tomar esa saída, decidiu que quería saír alí mesmo, e diante miña. Só a xenerosidade da Renault nos freos das súas berlinas evitou o sinistro pero, co novo código penal na man, sería eu o que iría ó cárcere por ter circulado (moitos kilómetros atras) a 210Km/h, e non o imprudente que atravesou unha sinalización horizontal que lle prohibía o paso, para interceptar a traxectoria doutro vehículo (o meu) que viaxaba coa velocidade adaptada ás circunstancias da vía.
Na simplonería intelectual dun aprendiz de enxeñeiro mecánico, eu son da opinión de que si algo non funciona, será mellor cambialo; por iso, coido que o ministro do interior debe relevar do seu cargo a un Pere Navarro, director xeral de tráfico que, en dous anos no cargo, sementou as estradas de uns radares que pagamos todos, que non lle gustan a ninguén, e que non conseguiron reducir absolutamente nada as tasas de sinistralidade (recomendo encarecidamente unha ollada a este informe da DGT). Dous anos que leva anunciando a bombo e platillo un carné por puntos que, visto na web de divulgación, lembra ó humor absurdo de Faemino e Cansado, pola proporción entre o que se leva falado do asunto e a absoluta vacuidade da medida, de cara á prevención de accidentes de tráfico.
Para predicar co exemplo do que coido que se debería de facer, si se pretende reducir a mortandade nas nosas estradas, anuncio que a partir de primeiros de xullo irei apuntando unha serie de posts nos que, humildemente, tratarei de divulgar canto poida saber sobre a materia, sexa pola miña formación académica, por cursos ós que asistín ou polo mero feito de me ter preocupado de coñecer e aprender a manexa-lo coche o mellor posible, consciente de que a bicoastalidade que citei antes, así como a requetecitada dispersión poblacional de Galicia, me farán pasar unha boa cantidade de horas, da miña vida, conducindo de un lado para outro, sin agardar a que ningún adventicio iluminado, déspota e propagandista, me leve polo bo camiño desde un despacho en Madrid, Compostela ou dende unha manifesta ignorancia.

Semana Verde .06

Como xa apuntei, un pequeno problema de saúde ó longo da semana pasada, fíxome perder as expectativas de cara o examen que tiña este luns. Por iso me deixei tentar coas invitacións que conseguira un amigo e fun, por primeira vez na miña vida, á Feira da Semana Verde de Silleda.
A feira, para situarnos a grandes rasgos, ten catro áreas: A feira de maquinaria agrícola e forestal, a feira de gando, os estáns de empresas e institucións que gardan algunha relación co sector (ou non) e unha serie de accesorios como artesanías, artigos de regalo, e papadoiras varias de diferentes niveis de enxebrismo.
Como precedente debo dicir que, hai cinco ou seis anos, xa estivera no recinto feiral de Silleda, nunha feira de maquinaria industrial, e xulgando as proporcións daquela construcción, supostamente dimensionada para a Semana Verde, supuxera que se trataría de unha mostra, cando menos, espectacular, pero a verdade e que quedei bastante decepcionado.
A mostra de maquinaria (o meu interese principal) só tiña de lucida a representación do sector forestal, con tres autocargadores e unha colleitadora bastante aparatosos, pero máis ben pouco de maquinaria agrícola, con dominio das alimentadoras de gando estabulado, unha colleitadora de forraxes, duas marcas de tractores, máis algun solto… e case podemos ir parando. Supuxemos que o fiasco viña porque hai outra feira (CIMAG), específica de maquinaria, alá polo mes de xaneiro do 2007. A mostra de gando gustoume, porque eu apenas tiña nocións pola feira de Redondela, na que só había porcos, aves e becerras, e que xa hai uns anos que non se fai por orde da Xunta e desentendimento do concello. Así, nunha metade adicada a razas foráneas e a outra ás autóctonas, andiven entre eses animais tan adorables, á par que idiosincráticos, que son as vacas, quedei maravillado con un touro de máis de mil seiscentos kilos da raza rubia galega (o da foto), e incluso resolvín algunha dúbida sobre porcos e cabras que tiña eu pendientes.

Gando.

O peor, con diferencia, os dous pabellóns adicados a estáns. Como apuntei o outro día, o que máis sobraba era Marina D’Or, e coido que non fai falla reflexión algunha ó respecto. Seguindo por ahí, tampouco tiñan moito que ver coa cuestión agro-forestal outras empresas representadas na feira, como algún xornal galego, nin Mapfre, que a diferencia de outras aseguradoras e financieiras, con mensaxes orientados ós agricultores profesionais, lucía un dos postos máis grandes e vistosos, claramente orientado a colocar cantos seguros de automóvil lle fose posible. Pero si este oportunismo intruso parece lamentable, aínda hubo outra impresión peor. Naturalmente, había mostras de maquinaria para o sector lácteo, proveedores de sementes, agroquímicos, institucións públicas, e postos de productos agrícolas, claro. Aceites, aceitunas, queixos e embutidos… ¡prácticamente todos de fora! Galegos, había unha fila de pequenos estáns de bodegas, tres ou catro queixeiras (pequenas industrias, non señoras), Bacelos de Biobra con algún outro producto ecolóxico (ademáis do seu viño) no posto, os productores de cereixas, un están conxunto e bastante pouco chamativo das denominacións de orixe e non lembro apenas ningunha outra verdadeira representación do agro galego. ¿Onde estaban representadas milleiros de hectáreas adicadas a patacas, verdura, repolos, pimentos, cereais, forraxes…? ¿Onde estaba a carne e o leite que se vende? O que aínda camiñaba sobre as catro patas na exposición antes citada, pero ¿e o que está listo para o mercado? ¿Onde estaban os agricultores galegos? Certamente había unha chea de eles, pero mirando, agardando a que lle meteran cousas polos ollos, que maioritariamente non tiñan nada que ver co seu traballo, pero de exposición nada de nada. Calquera que vaia á unha feira normal, ou a un mercado de Galicia levará mellor impresión da variedade e calidade dos productos agrícolas da nosa terra que visitando a Semana Verde, que sen dúbida é unha boa oportunidade para ver homes de negocios, azafatas e vendedores varios, pero pouco do que se fai no noso campo. Quizáis tivese que buscar mellor ou acudir ás xornadas técnicas e conferencias, non sei.
Comparado coa feira do Baixo Miño (Tui) ou a Expofegasa (Ordes), como público xeral interesado nas actividades económicas da miña terra, case me quedo coas outras dúas, non só porque sexan moito máis representativas, que o son si comparamos as súas escalas coa Semana Verde, sinon porque ademáis non se lles pode reprochar que sexan un despilfarro con raíces na Xunta, con uns obxetivos tan difusos como eu apreciei este fin de semana, e nun recinto feiral tan farónico como pouco aproveitado. E para colmo, con unha música ambiental máis ben dolorosa. Unha pena.

A estadística.

Hoxe é dezanove de xunio, luns. Son as seis e cuarto da mañán e dentro de dúas horas e corentaecinco minutos teño o exame de estadística. Segundo os méus propios cálculos, feitos o mércores pasado, estou en condicións de sacar un 3. Un pequeno problema de saúde que veño arrastrando dende entón provocou, entre outras cousas, que dese o examen por perdido e que, esta noite (como varias anteriores), non durmise absolutamente nada. Farto de dar voltas na cama e de erguerme sistemáticamente cada pouco, hai uns minutos que decidín afrontar con resignación o meu destino e anticipei hora e media o toque de diana. Facéndolle a autopsia a unha tetilla que estaba na nevera, estiven a ver un pouco as noticias da tele e descubro, incapaz de valorar si con desazon ou esperanza, que aínda hai quen ten bastante menos idea de estadística matemática ca min.
Non me vou a poñer a fachendear con modelos de distribución Hiperxeométrica que se aproximan por distribucións Normais, nin de contrastes de estadísticos, entre outras cousas porque xa dixen que (eu tamén) vou suspender. O que vou facer, vai ser citar algo que lera nun libro de matemáticas que tiven naquilo da EXB, que viña dicindo que a estadística é como unha farola, o mesmo pode servir para dar luz sobre a realidade que para que se apoie un borracho cando se tambalea.

Semana Verde de Oropesa.

Así rápidamente, que mañán teño (que suspender o) examen de estadística… ¿Algúen me pode explicar qué pintaba un posto de Marina D’Or na feira escaparate da actividade agrícola, gandeira e forestal de Galicia?
Fun, vin e coido que entendín.

Minifundismo económico.

[Este post ven do cometario de pepe no post Minifundismo ecolóxico (III), e leva varias semanas na recámara do blog, esperando a sair.]

É de cultura xeneral que, na primeira metade do S. XX, Henry Ford revolucionou á revolución industrial implantando o sistema de producción en serie para o seu modelo T pero, en realidade, o Fordismo foi unha doctrina moito máis profunda. A cadea de montaxe era só unha das medidas coas que Ford buscou un dos pilares da súa estratexia: a reducción de costes; o outro pilar, foi aumentar a motivación dos seus empregados elevando os seus salarios. Converxeron así as dúas magnitudes (precios e salarios) hasta permitir que as rentas máis baixas aspirasen a mercar os productos de cuia elaboración participaban, o que supuxo o nacimento da sociedade de consumo.
Salvadas sexan as simplificacións, así de sinxelo, e así de reciente, foi a orixe do sistema económico no que vivimos. O propio Henry Ford sufriu un dos grandes problemas do seu invento, que é a saturación do mercado; todos aqueles que querían e podían mercar un Ford T xa o tiñan, e chegou un día no que as vendas da compañía cairon en picado. A solución foi crear un novo modelo, o Ford A, máis atractivo que o anterior e chamado a relevalo nos garaxes dos EEUU, e parte do resto do mundo. Iso é o que, hoxe en día, se coñece como I+D, a innovación nos productos para a ocupación de nichos de mercado ou a renovación dos parques existentes coa fin de manter as ventas e, en último caso, o movimento do sistema que é a sociedade de consumo (de lonxe, pasa o I+D pola vontade de resolver problemas reais das persoas).
Por suposto, a innovación constante tampouco foi unha solución definitiva, xa que cada vez son consumidos máis recursos naturais para manter a maquinaria do consumo en marcha (de ahí ven a preocupación polo “Desenvolvemento Sostible“), e cada vez, a maior competitividade acurta máis os ciclos de vida dos productos, tendo por exemplo que o propio Ford T estivo case vinte anos no mercado, mentres que a moiría dos modelos de turismo actuais tardan entre un e tres anos en se renovar, aínda que só sexa superficialmente. Outro exemplo destes ritmos económicos son os teléfonos móviles, cuias sucesivas xeneracións saturan o seu mercado en plazos en torno a un ano. Apuntando, para conciliar folklore con economía, que esta realidade está detras da observación empírica da miña avoa “Ajora fan as cousas para que rompan porque os industriales e os comercios queren vender”, pasemos a outra fronte problemática do modelo: a caída do emprego.
Para manter precios de mercado (e, sobre todo, aumentar os beneficios), unha das claves do fordismo e todo o que veu detrás foi, como dixemos, a reducción de custes; esgotadas as vías nas que Ford foi innovador, como a estandarización e a racionalización, empézase a dicir que un dos maiores custes da producción en masa é a man de obra, e reducir esta, ou o coste que esta supón vía moderación salarial ou deslocalización empresarial, é o camiño habitual para mellorar a competitividade ou os rendimentos económicos do capital. Pasados setenta anos dende a Grande Depresión, nos que o bálsamo Keynesiano de garantir a recuperación da economía en tempos de crisis, coa inversión por parte do estado, foi amparando o modelo da sociedade de consumo unhas veces mellor que outras, estamos nunha altura na que, sin querer ser alarmista, o futuro do noso sistema económico pinta un pouco inseguro.
Si ben a política exterior norteamericana e dos seus acólitos parece estar a buscar unha estabilización económica como a que puxo fin á Grande Depresión, a Segunda Guerra Mundial, outros países con menos potencial bélico temos que resignarnos a buscar alternativas que nos garanticen a nosa forma de vida nun escenario no que a producción e os salarios estarán a moitos kilómetros de distancia, no que só a enerxía nuclear poderá alimentar o consumo enerxético que está por vir, e no que a cada vez maior automatización dos procesos industriais, co consecuente descenso dos postos de traballo dispoñibles, choca co contínuo aumento da poboación mundial. Habería moito que furar e apuntar, para dar coa fonte de eses desequilibrios, pero a maximización do beneficio empresarial, como único motor do progreso social, tal e como o plantexan os postulados do liberalismo económico podería ser un bo sospeitoso. A continua agregación de capitais en empresas cada vez máis grandes, e cada vez menos preocupadas das consecuencias sociais das súas decisións, digan o que digan na publicidade, está a facer de este un mundo no que os negocios son un fin en si mesmos, e a mercede de eles quedan as persoas que non os manexan.
Quen queira poñerse a salvo de esa corriente, hoxe en día, ten poucos camiños posibles, e case todos pasan polo “autoemprego”, que é como se lle chama no mundo Keynesiano a aquilo de “buscarse a vida”. Haberá algúns que teñan ideas brillantes, moitos apoios ou poucos escrúpulos, e chegarán a subirse a ese tren dos negocios no mundo global; pero nin todos podemos ser ricos, nin todos podemos ser xefes. Así, como alternativa maioritaria a esa economía xigante que exclúe ás persoas, está a posibilidade de volver á economía de pequena escala, a vivir do comercio en pequenos mercados locais que, abofé, non darán orixen a grandes lucros, pero que lle permitirían ós traballadores niveles de vida (que non de gasto) semellantes ós acadados no tecido producivo da sociedade de consumo, a expensas de lle virar as costas a esta, de se circunscribir a eses mercados máis próximos, rexidos polas reglas clásicas de oferta e demanda, pero a niveles comprensibles para todos, e non só por uns poucos, capaces ademáis de manipulalas a vontade. Mercados que non precisan de intermediarios, de loxística nin de grandes infraestructuras de transporte, e sobre todo, orientados a unha sociedade do bienestar fundamentada na seguridade das fontes de ingresos e na satisfacción das necesidades persoais dos individuos, máis que á creación sistemática de necesidades supérfluas dende a publicidade.
Sen dúbida, a agricultura é a máis facil de exemplarizar, cos casos de pequenos productores que, cansados de estar sometidos ós precios dos intermediarios, e das insalubridades provocadas polos agroquímicos, buscan manter pequenas explotacións familiares ou cooperativas nas que o valor engadido xurde de un producto de calidade distinguible (por exemplo, ecolóxico) e dunha comercialización o máis directa posible ó consumidor final. Para poñer outro exemplo, máis hipotético, pódese mirar cara a confección, e pensar en recuperar a figura do xastre ou a modista, que ofrezan prendas de calidade, feitas a medida, con deseños orixinais e con precios capaces de competir coa confección industrial ó non ter que amortizar todo o aparato comercial das marcas. A idea básica é recuperar as actividades económicas de alcance local, como resposta ó fenómeno da deslocalización industrial ó que asistimos. Ademáis, recuperar (porque non é inventar nada novo) no occidente post Fordista esa economía, sería un magnífico primeiro paso, a seguir nas rexións do mundo menos “afortunadas” pola economía do século XX, sexan os países do terceiro mundo, ou sexan aquelas rexións de Galicia que quedaron fora da pugna por seren o noso motor económico.
En resumen, un século despois de Henry Ford, a sociedade de consumo, xeneralizada no mundo desenvolvido, é un modelo de sociedade suficientemente coñecido como para termos identeificadísimas as súas debilidades e, sobre todo, as súas desventaxas para os individuos que vivimos en ela. Xurde pois, a inquedanza polo futuro que un mundo, movido só polos beneficios económicos, lle pode ofrecer ás persoas, e atísbase unha alternativa mellor nunha sociedade menos economizada, na que a xente recolla directamente os frutos do seu traballo e no seu entorno, no canto de ser, cada vez máis, un recurso que se xestiona en beneficio do capital.

A por eles, .

Acabo de sair dunha, para logo me meter no traballo de outra, que temos que rematar hoxe… ¡e o que ven para a semana! Así, pois, limitareime a copiar e comentar un dos correos que recibín coa convocatoria de manifestación, este sábado en Nigrán (Gracias Julio).

As Asociacións de Veciños de Nigrán veñen de convocar unha manifestación para o próximo sábado 17 de xuño, contra o Plan Xeral, a especulación e a corrupción, nunha convocatoria expresamente aberta a todos os colectivos que queiran asistir.

SALVEMOS MONTEFERRO, que se sumou desde o primeiro momento a esta iniciativa, quere animarvos a participar masivamente nela.

Pensamos que é o momento de amosar unidade e forza diante dos que, por un puñado de euros, queren destruír a nosa paisaxe, a nosa riqueza natural, a nosa forma de vida.

A seguir reproducimos o texto da convocatoria.

Unha aperta e ata o sábado

CHAMAMENTO DAS ASOCIACIÓNS DE VECIÑOS DE NIGRÁN

Veciñ@s, amig@s:

As AA. VV. de Nigrán convocan a todos á manifestación MÁIS.

A máis pacífica, a máis numerosa, a máis contundente, a máis solidaria…
Convocamos tamén a tódolos colectivos que se solidaricen coa nosa causa.

Sábado 17 de xuño, reunirémonos nas Angustias ás 21:00 horas e baixaremos cara ó concello pola Avda. Val Miñor (500 m), para reclamar un novo PXOM ante o aluvión de presuntos actos delictivos do Plan que defende o Sr. alcalde. Agradecemos de antemán a vosa asistencia.
Unha aperta a tod@s.

Comento que todo o que poida, debería acudir a esta manifestación; trátase de un problema que non só lle afecta ós de Nigrán, senon que nos afecta e afectará ós que vivimos no resto de Galicia. Na orixe e fondo deste problema, está a insolvencia de unha clase política que, con un cuarto de século de autonomía, e vinte anos a queimar fondos da Unión Europea, aínda non conseguiu definir unha política territorial axeitada ás particularidades da nosa terra, e as necesidades dos que nela vivimos. Pero, en fonduras, xa me meterei cando teña vacacións, ou máis tempo; do que se trata agora é de parar a campaña de especulación inmobiliaria que se cerne sobre Galicia, lesiva para o noso patrimonio ambiental e agrícola e totalmente alleo ás necesidades de vivenda da maioría dos galegos. Nigrán é unha das frontes abertas e, como ensinan os postulados clásicos da estratexia, canto maior sexa a súa concentración de forzas nun escenario, maior a probabilidade que ten un bando de acadar a victoria. Xuntemos os nosos esforzos en Nigrán o sábado, e para a próxima onde toque, porque ó final, polo que loitamos, ou polo que loito eu (lamento que esta frase lembre a Hitler, pero cos plomos medio fundidos como ando, logo se me esgotan os recursos) é por unha Galicia na que ignorancia e egoísmo de unha minoría, deixe de ser o lucro dos catro chupóns que sempre dicen os vellos.
Algo máis, xa o deixara apuntado aquí, por si se quixera lembrar.

O truco dos allos.

Allos atados.

Foi un comentario intencionado da miña nai, que xa sabía de qué iba a cousa, o que desatou toda unha disertación da avoa sobre esta curiosa técnica para favorecer o desenrolo dos allos. A min non se me tería ocurido nin en un millón de anos, pero ten toda a lóxica, e consiste en facerlle un nudo na rama para “que non lles suba a forza para arriba e medre a cabeza, que é o que interesa“. Supoño que será o mesmo principio que se sigue na agricultura industrial, cando se mata con herbicidas a rama das patacas unhas semanas antes de arracalas, só que dun xeito máis salubre, anudándolles as follas un a un ou en manoxos, “cando se empezan a poñer colondros“, que é unha expresión que non topei no diccionario, pero parece ser que significa “cando empezan a pasar da cor verde á cor tostada propia do fin do ciclo vital” (”colondro” tamén se lle aplica ós cereais).
Se tivera unha hectárea de allos, abofé que non me tomaría esta molestia, pero para uns pouquiños que son, fíxenllo en cinco minutos, a ver. Estes da foto, son un grupiño que intercalara entre as leitugas porque lin nalgures que facían unha boa asociación. As leitugas xa hai un tempo que se convertiron en ensaladas, e agora quedaron estes soíños.