Fin de semana de seráns.

Dende que fun ó serán da Ermida, non volvín a cair por ningún; esta fin de semana son os dous últimos da lista que me deran daquela (o cal non significa que sexan os últimos), a saber: venres 19 en Tameiga (Mos) e sábado 20 no Carballal (Vigo). É posible que vaiamos ó de Mos, pero de todo improbable que acudamos ó Carballal porque resulta que o Concello de Redondela organiza tamén un serán, o mesmo día 20 a partir das 21:30 na alameda.

Letreiro do Serán de Redondela.

Tendo en conta que non estiven para a Festa do Choco, dubido moito que non pase eu por este serán.

P.D.: Non tanto por lle dar a este blog o color rosa do corazón, como por facer publicidade do evento e dos valores tradicionais, lembro (por que está apuntado) cómo a que hoxe é moza dun colega, foi hai uns meses o seu ligue no serán.

As patacas sachadas.

Pois como o Día das Letras Galegas madrugei menos do que tiña pensado, e contra o final da tarde asomou o mollaparvos, adiquei o festivo exclusivamente ó mecanizado caseiro para ter a maquinaria lista. Así hoxe, coas primeiars luces de despois de comer, botei o invento enriba do remolque do tractor e fun á veija a sachar.

Sachadora de patacas do F. Miguez.

O invento, como se ve, non é grande cousa. Aproveitei as mesmas rellas aporcadoras da sementadora e construín un trebello co que poñer a motoazada a tirar de elas. Había algunha dúbida sobre a capacidade dos escasos catro cabalos da Iseki SA350, que Don Nicanor popularizou nestes lares na época do relevo xeracional, vamos, cando aquelas Condor que tiñan un faro no capó empezaron a parecer vellas, pero non houbo caso; focei canto quixen e máis, porque con unhas rellas tan grandes, as plantas que, por imprecisións da sementadora, estaban un pouco desviadas da crista do caballón, sufriron bastante ou foron arrincadas (unhas dez, en todo o terreo). Tamén o patín que improvisei para regular a profundidade se podería mellorar, pero coido que non estivo mal para ser o primeiro apeiro de motocultor que construio, e as patacas quedaron sachadas; así que, si algún fabricante de maquinaria agrícola quere contratar a un estudiante de enxeñería mecánica, autodidacta e con grandes doses de imaxinación… que me veña a buscar á leira porque, nas vintecatro horas que pasaron dende que fun medir in situ o ancho real dos regos (o 17 pola tarde) hasta que cheguei alá coa sachadora (hoxe, 18), algunha alimaña, cuia clase ou número de pares de patas descoñezo, andivo xa a mirarlle as raíces a catro ou cinco plantas. Avecíñanse noites de guardia na cabeceira da veija, honrando un bisavó meu cuia morte, que narrarei outro día, estivo directamente relacionada coa loita nocturna contra os estragadores de colleitas. Eu non conto con chegar a tanto, pero poderíanse aveciñar días nos que o Sr. Miguez apunte encontros co tardo ou a estántiga, cumplindo a súa propia profecía de que, será na terra (ou no mar), onde o galego atopará as súas raíces.
O luns póñome a estudiar en serio.