As súas señorías.

Estando a traballar nun almacén de mobles, en categoría de mozo embalador, tiven unha compañeira que, por cantar no posto de traballo, non calar cando lle berraban, e outras actitudes consideradas como indisciplinadas, acabou na rúa despois de un ano de contrato.
Por iso me anoxei hoxe, como me anoxo sempre, ó mirar pola televisión ás persoas que cobran un salario pago entre todos para que xestionen o estado. Está claro que o debate é necesario; si todo o mundo pensase igual, sería que a todo o mundo lle interesa o mesmo, ou que se esgotaron as ideas e xa non temos futuro. Pero un debate non ten por qué implicar aplausos, abucheos nin gritos dende as “gradas” máis propios de outros espectáculos; perdón, debo dicir, propios de un espectáculo, que é o que está a ser a política parlamentaria española (¿quizáis precisamente por falta de ideas?), mais non debería. Non sei, nin me importa, o que ocorre nos parlamentos doutros paises, nin me preocupa canto se poidan aburrir os xornalistas acreditados nun debate serio, nin a cantidade de tertulianos e opinandos que acaben traballando de azulina. O que eu opino, é que os xefes de esa xente (nos todos) deberíamos impoñer un regulamento parlamentario no que se prohiban os aplausos, tal vez coa excepción de actos reflexados como “homenaxe” na orden do día, os abucheos, os gritos, ou calquera outra forma de expresión fora de orde, baixo castigo de expulsión e multa económica. A ver si así, as súas distinguidas señorías se adican a facer un debate serio e necesariamente constructivo, se convirten en profesionais do seu traballo, e deixan de montar espectáculos máis propios dos tempos de gloria de Xavier Sardá.

Minifundismo ecolóxico (III).

Cando me din conta de que estaba a aplaudir diante do ordenador, púxenme colorado, pero é que os comentarios recibidos nos post anteriores (I e II) son para aplaudir, xusto o que eu demandaba, opinión con coñecemento para poder reflexionar. Gracias a todos.
Non pretendo rematar o debate, ó contrario, gustaríame que seguise, pero a experiencia díceme que os fins de semana, a actividade blogueira suele cair en picado, así que mentres o choio está quente, quixera apuntar algunha conclusión que, espero, invite a ler os comentarios aquí feitos estes días.
A orixe da polémica, lembro, que para iso está apuntado, foi oir dicir que o minifundismo é unha ventaxa de Galicia fronte a outras rexións. Eu non sabía si estar a favor ou en contra… e sigo sin sabelo, nin falta que fai.
O caso é que non son o único que pensa que dispoñer de pequenos terreos, pode ser para a familia que os traballe un bo apoio á economía doméstica (cando non unha garantía fronte o desemprego e decadencia económica) e, con un pouco máis de divulgación e menos de negocio, podería ser un baluarte da calidade alimentaria fronte a imposición de criterios productivistas que só demandan cantidade a expensas da calidade, da salubridade e da conservación do patrimonio natural da terra, entendido este como a paisaxe, as árbores e a variedade de especies, pero tamén a calidade das augas subterráneas, a limpeza dos ríos ou uns microorganismos do chan que levaban séculos en simbiose cos cultivos tradicionais.
Por outro lado, a escasa rendibilidade económica que se obten na agricultura a microescala convírtea en un lastre para aquelas persoas que pretenden buscar na actividade agrícola un substento, e as dificultades da súa mecanización provocan o abandono por parte de aqueles que, por dispoñer de unha renta suficiente, optan pola comodidade de buscar no comercio todo o seu consumo alimentario (a estas alturas, considero evidente que a cuestión se centra no rural e nada ten que ver coa poboación urbana).
Compre pois, buscar solucións que permitan conxugar as ventaxes económicas e de calidade propias dun minifundio tradicional, coa posibilidade de explotar profesionalmente os recursos agrícolas da nosa terra sin que ninguén se sinta desplazado. Non vou ser tan fachendoso como para largarme aquí unha solución máxica para un desequilibrio tan fondo, tan perxudicial para o conxunto, e tan beneficioso para algúns; lendo os comentarios e escoitando ós que saben, xurden varias palabras clave: cooperativismo, asociacionismo, agricultura de precisión, calidade fronte a cantidade, reparto e coservación do patrimonio. Apúntoas coa esperanza de que sexan como sementes (¿de blogo-millo? :D ), que para iso estamos en tempo de sementeira, coa esperanza de que o debate e a reflexión sigan e se extendan porque, na miña opinión, nada servirá discutir si somos nación ou non somos nación, si non somos nos mesmos.

Moralexa: Léanse sempre os comentarios.

Minifundismo ecolóxico (II).

Hoxe foi o segundo (e último) día das xornadas sobre agricultura ecolóxica. O primero poñente, Manuel Docampo, foi o primeiro productor de viño ecolóxico de Galicia e, ademáis de queixarse da cantidade de escuros intereses sitos detrás do mundo do viño, e demandar máis implicación das administracións, fixo de novo unha defensa da pequena escala, do minifundio. -“Están sempre en contra do minifundio, pero eu teño dúas hectáreas e xa me chega; ningún viticultor que queira dedicarlle atención á sua viña e tratala con cariño pode atenderlle a máis de tres hectáreas de terreo”.-, foi exactamente o que dixo.
O seguinte, Eloi Dávila, é un rapaz que se gaña a vida cultivando hasta trinta variedades de productos, en ecolóxico (sin selo por un problema que nos explicou pero que non vou profundizar) e artesanal na Limia, fixo un alegato similar, defendendo a morfoloxía rural tradicional con criterios técnicos e non paisaxísticos, e recoñecendo con humildade os erros que cometera na súa experiencia, como principal forma de aprendizaxe.
Sobre a forma e o fondo da agricultura ecolóxica, xa apuntarei, tanto da teoría como da práctica; pero a miña intención con este post e o anterior é, con humildade e sin unha postura clara que defender, sementar un pouco de inconformismo coa cuestión agrícola. Non só na medida en que (case) todos temos o vicio de comer varias veces ó día, e iso pódenos afectar si comemos calquera cousa; sinon na medida en que a agricultura é un pilar fundamental na economía galega, tanto a oficial, como a doméstica, como a sumerxida, ademáis de unha das raíces culturais da nosa terra (outra é o mar, pero eu do mar non sei). Por tanto, coido que compre darlle relevancia social a un eido (nunca mellor dito) que se está a esquecer na Galicia do público xeral, discutir sobre o xeito en que nos convén aproveitalo e conservalo para o beneficio común, e promover ou asumir iniciativas que rescaten a nosa agricultura da decadencia na que a están a enterrar.
Esta é a razón pola que considero transcental que haxa debate como o que xurdiu nos comentarios do post anterior(cometarios que ben poderían ser varios posts), dende a humildade de un blog con 50 visitas diarias, pero coa convicción de que o mellor que se pode facer pola terra, é prestarlle atención.

Minifundismo Ecolóxico

Esta semana está a ser de raio, ademáis do estrés que provoca a soa idea de se poñer a estudiar, averióuseme o torno e metinme nunhas xornadas sobre agricultura ecolóxica que organiza o IES A Granxa, en Ponteareas.
Non é que non sexa un tema novidoso, senon que é un dos puntos de referencia nos contidos de este blog. Do que oín hoxe, habería moito que apuntar, para non o esquecer (todo se andará), pero de momento só vou deixar algo que dixo a ponente Agatha Broeskamp, unha alemana afincada en Tui, referente de agricultura eclóxica, para moitos, nas Rias Baixas:

Galicia tiene una gran ventaja para la agricultura ecológica, el minifundismo, que permite mantener una gran biodiversidad en los cultivos…

…e eu que levaba toda a vida oíndo dicir que o minifundsimo era o principal problema dos galegos, quédome atónito oíndolle dicir isto a unha alemana.

Fin de semana de seráns.

Dende que fun ó serán da Ermida, non volvín a cair por ningún; esta fin de semana son os dous últimos da lista que me deran daquela (o cal non significa que sexan os últimos), a saber: venres 19 en Tameiga (Mos) e sábado 20 no Carballal (Vigo). É posible que vaiamos ó de Mos, pero de todo improbable que acudamos ó Carballal porque resulta que o Concello de Redondela organiza tamén un serán, o mesmo día 20 a partir das 21:30 na alameda.

Letreiro do Serán de Redondela.

Tendo en conta que non estiven para a Festa do Choco, dubido moito que non pase eu por este serán.

P.D.: Non tanto por lle dar a este blog o color rosa do corazón, como por facer publicidade do evento e dos valores tradicionais, lembro (por que está apuntado) cómo a que hoxe é moza dun colega, foi hai uns meses o seu ligue no serán.

As patacas sachadas.

Pois como o Día das Letras Galegas madrugei menos do que tiña pensado, e contra o final da tarde asomou o mollaparvos, adiquei o festivo exclusivamente ó mecanizado caseiro para ter a maquinaria lista. Así hoxe, coas primeiars luces de despois de comer, botei o invento enriba do remolque do tractor e fun á veija a sachar.

Sachadora de patacas do F. Miguez.

O invento, como se ve, non é grande cousa. Aproveitei as mesmas rellas aporcadoras da sementadora e construín un trebello co que poñer a motoazada a tirar de elas. Había algunha dúbida sobre a capacidade dos escasos catro cabalos da Iseki SA350, que Don Nicanor popularizou nestes lares na época do relevo xeracional, vamos, cando aquelas Condor que tiñan un faro no capó empezaron a parecer vellas, pero non houbo caso; focei canto quixen e máis, porque con unhas rellas tan grandes, as plantas que, por imprecisións da sementadora, estaban un pouco desviadas da crista do caballón, sufriron bastante ou foron arrincadas (unhas dez, en todo o terreo). Tamén o patín que improvisei para regular a profundidade se podería mellorar, pero coido que non estivo mal para ser o primeiro apeiro de motocultor que construio, e as patacas quedaron sachadas; así que, si algún fabricante de maquinaria agrícola quere contratar a un estudiante de enxeñería mecánica, autodidacta e con grandes doses de imaxinación… que me veña a buscar á leira porque, nas vintecatro horas que pasaron dende que fun medir in situ o ancho real dos regos (o 17 pola tarde) hasta que cheguei alá coa sachadora (hoxe, 18), algunha alimaña, cuia clase ou número de pares de patas descoñezo, andivo xa a mirarlle as raíces a catro ou cinco plantas. Avecíñanse noites de guardia na cabeceira da veija, honrando un bisavó meu cuia morte, que narrarei outro día, estivo directamente relacionada coa loita nocturna contra os estragadores de colleitas. Eu non conto con chegar a tanto, pero poderíanse aveciñar días nos que o Sr. Miguez apunte encontros co tardo ou a estántiga, cumplindo a súa propia profecía de que, será na terra (ou no mar), onde o galego atopará as súas raíces.
O luns póñome a estudiar en serio.

Das letras galegas.

Apunto, para non o esquecer, que cando se anda con un ferro quente nas mans, débese pousar o ferro primeiro, e quitar os guantes despois. Si se fai ó revés, pódense padecer queimaduras en dous dedos, trabaduras na lingua (para que tua nai non te oia cajarte na cona), e cair nunha forte merma da autoestima durante uns minutos, na forma “pero que parvo son, carallo.” O caso é que, si todo sigue o programa previsto, adicarei este Día das Letras Galegas a rematar o meu trebello para sacha-las patatas (foi nesa lide de ferreiro, que me queimei) e, si me da tempo, metereino á terra para ver si funciona e saco o choio de diante.
Cumplirei así por outro ano coa miña tradición, non deliberada, de pasar esta data adicada á nosa cultura fozando na terra, ou facendo algo relacionado… coa nosa cultura. Vale, coa cultura do campo, que quizáis moitos asociarán antes coa ignorancia; pero non nos esqueza (para iso o apunto) que, moito antes de surxir a reivindicación de unha cultura galega, ou unha cultura “moderna” en galego, foron campesiños e mariñeiros os que conservaron, non só a lingua, sinón todo un folklore e unha cultura, unha idiosincrasia e unha forma de entender a vida que, gústenos ou non (a min sí), é de onde viñemos.
Sen dúbida, haberá escritores dignos de homenaxear polo feito de lle ter dado valor á nosa lingua, convertíndoa en vehículo de expresión artística, pero eu de iso sei máis ben pouco (prefiro que me chamen inculto antes que mentireiro). Sí penso, en cambio, que aqueles homiños da boina e aquelas mulleres do pano na cabeza déronlle ó galego o valor de chegar vivo hasta hoxe en día. Non é unha cuestión de mirar para atrás, nin de nostalxia nin de enxebrismo. É a convicción de que unha lingua non chega moi lonxe como fin en sí mesma, así que para que sobreviva, debe de ir vinculada a unha sociedade que a empregue na sua vida diaria. Por iso eu adico este día a tomar o relevo do que aprendín dos meus avós.

O día das dúbidas.

Existe un libro, considerado entre os referentes internacionais na docencia da enxeñería mecánica, que adica parte do prólogo a soster que máis importantes que os coñecementos técnicos de un enxeñeiro, son as súas habilidades sociais e a súa capacidade de expresión. Defende este argumento hasta o extremo de aconsellar que se acuda a festas e convites para coller don de xentes, coa base de que nada sirve ter unha idea moi boa si esta se perde por non saber explicala ou defendela.
Apunto isto porque pasei este fin de semana, que coincidiu co cuarto mes de existencia do blog, a cavilar sobre un problema co que estou a tropezar nesta faceta blogueira miña. A orixe da cuestión, só para aclararnos, situarémola no comentario do Sr. eSedidió no post Non non esquezamos dos esquecidos, que recomendo leer, e que agradezo enormemente xa que, sabedor o Sr. Miguez de non posuir ningunha verdade absoluta, de estas observacións críticas desprendo que debo ampliar os meus puntos de vista, correxilos ou expoñelos máis correctamente. E ahí é donde batín. Despois de varios días de traballo, tópome con un post (que ía titular “Alternativas sostibles para o entorno de Cabo Touriñán”) que, máis que un artigo, ben parece un tratado pola súa extensión, pero que aínda sigue a parecerme incompleto, con ocos que sei como tapar… a base de seguir inchando o que levo escrito.
Non sei si serán boas ou non as ideas que eu teña, sobre a cuestión do Cabo Touriñán ou sobre outras materias (nas que tamén estou a ter as mesmas dificultades); o que sí teño claro, é que serán inútiles si deixo que se perdan, no canto de apuntalas, para non as esquecer, e poder así melloralas coa crítica ou a experiencia. Estamos na entrada dunha época complicada, polos exames e por outras lideiras, pero para o quinto mes de andaina blogueira fago o propósito de aprender a sintetizar ou fraccionar incluso aquelas inquedanzas que, agora que empezan a agromar na rebotica do blog, vanse confirmando como a causa de que me metera neste fregado.

Nova convocatoria de Salvemos Monteferro.

Como é sabido, ou mellor dito, como está apuntado, Salvemos Monteferro é unha das causas coas que este jarito está solidarizado desde os seus primeiros pasos.
Apuntan eles mesmos, e eu fago eco, que está convocada, para este próximo dia trece, sábado, unha xornada de hermanamento e reivindicación que eles denominan Mani-Festa-Acción, que empeza ás 10:30 na praza da Independencia de Vigo, coa saída dunha marcha cicloturista que se dirixirá a Nigrán para sumarse ó acto convocado no concello ás 12:00, consistente na entrega das 9000 sinaturas pola defensa de Monteferro e do proxecto alternativo proposto por esta plataforma.
Despois de iso, de romería a Monteferro; armados cada un de comida e bebida de campaña, está prevista toda unha xornada de esparcimento, lecer e convivencia nese fermoso lugar amenazado polos turbios intereses do ladrillo.
Fágase compatible, pois, a defensa do patrimonio común, co disfrute e a ledicia populares; porque a fin de contas, veñen a ser a mesma cousa.

O timo da estampita.

Fake!

Esta nova bomba de escándalo financieiro, que non é máis que o castizo timo da estampiña, con garabata e demáis cánones neoliberais, lembroume esa ensinanza de “ninguén da duros a catro pesetas” dos vellos; a típica cousa que non se entende hasta que se padece. O certo é que, pola típica desconfianza dos galegos, polo pesimismo termodinámico de que os rendimentos sempre están limitados, ou polo mero feito de non ter un can aforrado, eu non tiña nada invertido nese magnífico negocio da filatelia. Ainda que coido que a palabra “invertir” non é o máis axeitado.
Invertir significa ceder un patrimonio a outra persoa (física ou fiscal) para que esta o incorpore ó seu pasivo, co que realice unha actividade económica, de cuios beneicios, o inversor recibirá unha parte proporcional. Mercar bens, sexan obras de arte, propiedades inmobles, selos ou un pino, coa espectativa de vendelos a un precio maior do que foron adquiridos chámase especular. Igual só é opinión miña, que conste.
Retrancas aparte, apunto que non vexo a ningún Florentino Perez, Alicia Koplowitz, ou ningún político afectado por esta suposta estafa, quizáis por que non precisen de estas esperanzas para gañar uns cartiños, ou quizáis por estar máis preto do outro lado do mostrador. Apunto tamén que, con Banesto, Gescartera, Opening… e agora isto, cabería empezar a reclamar un reforzo dos mecanismos que teñen as administracións para impedir estas estafas, multimillonarias e indiscriminadas, antes de que ocurran. Nestes tempos nos que os negocios son dogma, solicitar que o estado teña máis control sobre as actividades económicas pode parecer unha afirmación propia dun fanático de Nietzche, pero igual non é, este, mal tempo para sementar a idea de que os ideais neoliberais, pedra angular da política actual, co seu espellismo de bienestar e riqueza, só están ó servicio dos que os traballan, e aliméntanse de muitos que incluso os defenden.
Alén dos discursos ideolóxicos, e expresando a miña absoluta solidaridade con aqueles que se vexan afectados por este novo sarillo de maletíns, togas e billetes de cincocentos, desexar que a xustiza exprima os patrimonios daqueles que se demostren culpables, hasta que tódalas víctimas da estafa queden cumplidamente desagraviadas . Apunto pois, para rematar, que non se debe permitir que uns aniños na cadea, sexan unha inversión que permita a un fulano calquera sair do cárcere igual de rico que cando o detiveron e, por suposto, moito máis que antes de decidir que era máis listo que a media dos veciños.