Un paso á fronte.
Debe de ser o tempo, que me ten medio pámpano, o que me fixo creer hoxe que oira as palabras “corrupción” e “urbanismo” nunha mesma noticia. ¿En qué cabeza podería caber tal cousa?
Ironías aparte, si en Galicia xa hai tres concellos co urbanismo intervido pola Xunta (e máis que debería de haber, si iso fose garantía de algo), noutras rexións de España, quizáis deberían intervir as Forzas Armadas. Pero parece que a cúpula militar do estado, e máis eu, estamos a ter algunha discrepancia respecto á valoración dos problemas que afectan á nosa sociedade.
Mentres vexo de me entender co estado maior da defensa, hai outros que sí se van poñendo en marcha, e igual que os veciños da parroquia se botan unha man na matanza do porco, aúnan esforzos para loitar por unha Galicia un pouco máis libre de estas políticas carracho (entenderá quen tivera que sacar unha vez ún do corpo, propio ou alleo). Un paso por diante, PAGAI! é o lema. (Nótese a diferencia co título de este post.) Apuntando ese enlace, quedan implícitamente apuntadas todas as organizacións e colectivos que participan no proxecto, que este blog considera unha iniciativa interesante.
Mañán ás seis da tarde, na Galería Sargadelos de Compostela, celébrase unha mesa redonda na que se expoñen alternativas sostibles para o futuro dun litoral, o Galego, en pleno proceso de parasitación por eses carrachos (ou carrachas, que dicen en outros lugares) pero que, de momento, aínda pertencen ó patrimonio cultural e etnográfico de Galicia.
Outro día, si me acorda, apuntarei por qué motivo é maís miña/nosa unha leira de millo pegada no mar, que un campo de golf ou unha urbanización de chalés adosados, aínda que un careza de propiedade por igual en tódolos casos. A reflexión queda esbozada como exercicio. A iniciativa, como esperanza e ilusión.
Ainda estamos a tempo de parar a desfeita da costa galega.
Comment by acedre — March 31, 2006 @ 3:24 am
Que nom nos passe como com os bosques, que se nom…
Comment by tangaranho — March 31, 2006 @ 2:42 pm