O feirante.

Na miña terra, emprégase a expresión “Ir a Vijo por ver Cangas” cando un fai unha viaxe, ou calquera desplazamento, en van. Por exemplo, o que fixen eu esta mañán, de ir a propósito a Coristanco a ver como cargaban, nunha furgoneta, os dous ultimos palés do que ía buscar. Outra vez será.
Naturalmente, sin prestar atención a estes chubascos ós que xa non estábamos acostumbrados, e a súa interacción co frío que pillei o martes co meu disfraz, aproveitei para ver algo de mundo, e facer unhas compras, na feira de Arteixo (que é tódolos sábados pola mañán).
Do primeiro, apunto sin fotos, que a parroquia de Santa María de Traba, en Coristanco, é un sitio bonito de ver; arquitectura popular e relixiosa típicas, nun pequeno casal entorno ó iglesario, que me reafirman no meu desapego ó mundo urbano.
Á feira, fun sin contar con ir, e xa se sabe como é o da sociedade do consumo, que te bombardea con mensaxes subliminais e acabas mercando algo. Apunto, no meu descargo, que merquei só cousas estrictamente necesarias: uns calcetíns de lan para as botas, un cuarto de bolo de pan e, por suposto, unha tetilla.
O posto dos queixos, atendido por unha muller e un home, era o típico tinglado de feira: un mostrador portátil, cuberto con plásticos suxeitos a unha armazón metálica, e unha furgoneta que fai as veces de trastenda; dentro de esta, unha morea de caixas plásticas cheas de queixos envoltos en panos. Diante miña, había unha señora que quería un, pequeno, e que estivera bo. Como é costumbre, o home raspou unha mostra da parte de abaixo do que lle pareceu, para lla dar a probar á señora. Ela probou e dixo:
-”No, prueba tu, que yo no se.”
O home probouno, púxoo enriba do mostrador e colleu outro na furgoneta. Repetiu o ritual:
-”No, prueba tu, que yo no se.”
-”Este non está mal.”-dixo despois de probar, pero pousouno ó lado do outro e volveu coller na caixa. Outra vez:
-”No, prueba tu, que yo no se.”
-”Non, este non.”
A tetilla parou xunto ós anteriores e o queixo número catro da serie saiu da furgoneta. Esta vez, o home probou de primeiro.
-”Este. Este está bo.” E ofreceulle a probar á sua cliente, que repetindo que ela non entendía do choio (pero probando) mandou corta-la metade. Rematada a transacción, preguntaron polo seguinte; era eu.
-”A min póñame a outra metade.”
A seis euros o kilo, saía a conta a catro e medio, pero cobroume a muller, que dicindo algo na liña “tira-la casa pola ventana” me descontou os cincuenta céntimos (que só son medio euro, pero equivalían a unha rebaixa do vinte porcento). Certamente, estaba bastante bo, e incluso me gustou máis que a peza de importación do Eroski, coa que meu irmán agardaba na casa á hora de xantar.
Á mesa, con esa costumbre que él ten de encender sempre a televisión, vimos o parte, e concluín que apreciaba unha certa incoherencia entre a convención de turno, e o alegato socialista do alcalde de Vitoria, dicindo que o Alavés “no es una propiedad de un señor sino de la ciudad”.
“¡Viva o futbol!”-Ironizamos durante o noso postre lácteo.

6 Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://apunta.blogsome.com/2006/03/04/o-feirante/trackback/

  1. Pois sí que diches una voltiña, sí… Se polo menos o queixo estaba bo, iso que levas ;) .
    Saúdos.

    Comment by Hai Cada! — March 4, 2006 @ 6:07 pm

  2. E pensar que en Cangas non saben da frase esa que tamen usamos polo Porrinho. Tamen dicimos: “Queres ir a Vigho ?. Pois vira o cu po Porrinho.”
    Pois a desfrutar da tetilla que diso aqui non hai.
    Un saudo.

    Comment by acedre — March 5, 2006 @ 12:37 am

  3. Ben pagou a pena a viaxe…

    Comment by mourullo — March 5, 2006 @ 10:32 am

  4. Si non hai tetilla nos EEUU, haberá que abrir unha liña comercial con eles ¿non? ¿Alguén sabe canto pode costar mandar un palé de tetilla galega, por vía aerea, hasta os USA? ¿E unha potada de augardente de herbas?

    Comment by F. Miguez — March 6, 2006 @ 8:58 am

  5. Sr. Miguez, corróeme unha dúbida… ¿qué fixo o home cos queixos que desbotara??
    E dous…. supoño que se ún quere entrar un palet de tetilla nos USA terá que pasar as de cain para demostrar que non os está a embelenar

    Comment by eSedidió — March 6, 2006 @ 10:21 am

  6. Os queixos que non lle gustaran tanto, deixabaos enriba do mostrador, supoño que para clientes con outros criterios. Despois de todo, o feirante só certificaba que o queixo se correspondía co seu gusto, non que fose de mellor ou peor calidade.
    Para exportar ós USA, haberá que buscar a mediación de McDonalds ou Pizza Hut, así pensarán que o que lles vendemos é… axeitado para eles.

    Comment by F. Miguez — March 6, 2006 @ 10:58 am

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>



Anti-spam measure: please retype the above text into the box provided.