A lavadora.

Alá fun de novo ás aforas da capital, esta vez en turismo e co plan de ida e volta no mesmo día. Apunto, para non me esquecer, que a famosa boina de polución é un feito real e ben visible, que ten bastante preocupados ós medios de comunicación locais, máis incluso que ós de ámbito nacional, que xa é dicir. Eu oía todas aquelas noticias de pó e fumes mentres papaba o menú do día e, como típico galego, calaba para min os meus pensamentos, nos que lembraba o descortés trato que nos dicía ter recibido un profesor universitario cando, na súa condición de experto en materia medioambiental, lle suxerira ás autoridades locales de unha metrópole latinoamericana, que a única solución para o seu problema de contaminación era sacar a varios millóns de habitantes de ela. “Alá eles, si pensan que o problema vai remitir nun futuro máis urbanizado”- rosmaba eu para min. Pero este non é un post sobre ecoloxía; senón que vou apuntar unha cuestión máis persoal.
Nesta viaxe a Madrid, a radio foi encendida todo o tempo, así que tiven case doce horas de noticiarios e tertulias, cos que fixen penitencia por tantos meses apresurándome a apaga-lo trebelliño á minima oportunidade. Apelo, na miña defensa, a que esa teima surxira no outono, cando un colega, para exercita-la súa resistencia (dicía él) e fortalece-lo cerebro, puña unha emisora na que un señor exaltado comentaba as noticias dicindo que a culpa do Estatut a tiña Aznar por ter sido tan blando, ou que o goberno (socialista) era amigo dos que poñen as bombas. No noso tránsito interprovincial, o dial automático nunca deu con tal emisora, e iso que cambiaba de unhas a outras, pasando de noticieiros a tertulias e volta a empezar; pouco despois de pasar Benavente, eu xa tiña a sensación de ir seguindo o programa dunha lavadora, pero na radio.
Cando era pequeno, a forza de ir tódolos domingos á misa, acabei por ser capaz de repetila de memoria na casa. E así me pasou onte: O choio de Rajoi, Franco e o catalán, rapaces que reciben unha sentencia exemplar por se pasar con unha compañeira discapacitada, Rajoi (outra vez) lidando cos empresarios, a gripe aviar en Europa, o plan da General Motors para a Opel de Zaragoza, a épica non-remontada do Real Madrid, as negociacións coa ETA… e outra vez o mesmo. Quedei ben saturado de que, en todo o dia, a radio só fixera algunha tregua de media horiña ou así para falar de cine e algún outro entretenimento. Quero supoñer que si seguise todo o tempo unha mesma cadea, os contenidos irían variando, e que me tocou a peor combinación posible; que os xornalistas non so viven de lle dar prelavado, enxabonado, aclarado e centrifugado ós mesmos trapos unha e outra vez, pero, sentíndoo moito, fixéronse ben pesadiños a falar sempre das mesmas catro politicadas sen chegar a ningunha conclusión.
Para rematar, apunto unha observación, a medio camiño entre os misterios da Teoría da Relatividade e unha retranca máis evidente que outras antes expresadas: o curioso fenómeno que aconteceu co “Agrio debate entre el lider de la Oposición, Mariano Rajoi, y el Presidente del gobierno, Jose Luis Rodriguez Zapatero, esta tarde en el congreso de los diputados” (xa dixen que fora capaz de repeti-la misa de domingo de memoria), un dos titulares de cabeceira todo o día. O misterio está en que “todo o día” significa dende as sete da mañán, unhas nove horas antes de que se producira a noticia. Ou algún informador ten afinidades con Albert Einstein, ou muito conto é o que hai.