Fagámonos os suecos.
Non me refiro ó blog que descubrín via Acedre, senon a esta noticia que atopei no Quilombo.
É a típica información que me invitaría a tirar de bibliografía, rede, e outras fontes para comezar co recital: Que si Meirama produce tanto,que si todos os parques eólicos de Galicia xuntos, que si as industrias consumen… facer unhas sumas aquí, restar de acolá, e quedar como si supese moito do tema.
Algo sei, que conste, pero non creo que un balance de Megawatios ilustre ben a filosofía que eu quero apuntar, nin creo, xa de raíz, que a solución á cuestión enerxética sexa o resultado de unha conta. Si así fose, outros a terían calculado e o problema non sería tal. Ilustro esta postura miña co exemplo do “Libro Branco das Enerxías Renovables“(1997), un plan co que a Unión Europea pretendía acadar un modesto 12% de enerxías renovables para 2010 e que, a catro anos vista, parece chamado a fracasar… porque algo fallou nas contas.
Visto isto, o obxetivo sueco de non depender de ningún combustible fósil a partir do 2020, parece unha tolemia, salvo que teñan algún segredo. De feito, teñen dous: a súa moratoria nuclear, en vigor dende 1980, non lles impide que o vinte por cento da súa enerxía teña esa procedencia e, sobre todo, só se trata de nove millóns de suecos a consumir enerxía nun país cunha extensión pouco menor que a de España. Pero que teñan algunha ventaxa, non lles quita mérito, e quizáis deberíamos de tomar un pouco de nota. Certo é, que os nosos políticos xa levan unha chea de anos a se facer os suecos (pero no sentido tradicional) en materia enerxética; o rebumbio que está montado pola famosa OPA, os negocios de Paco Vazquez ou algún outro político nas minicentrais, e outras novas máis ou menos coñecidas exemplarizan sobre a responsabilidade coa que se trata, en España e en Galicia, esta cuestión coroada, con informes de impacto ambiental falsos, con axudas oficiais a proxectos dubidosos e un barullo de intereses e negocios fáciles, como unha das peores xestións da política e as empresas, a este lado dos Pirineos.
Fágome eu tamén o sueco e, como si non quixese enterarme de tanto mangoneo, penso en que a decadente agricultura da España seca se vería fortemente reflotada si se reconvertise a cultivos enerxéticos (os que se procesan para obter biocombustibles), no canto de esperar a que os países pobres acaben de destruir os seus espacios naturais por asumiren esa iniciativa. Tamén me permito cuestionar o mapa das comunidades autónomas que apostaron ou non pola enerxía eólica, e os seus motivos, e sobre todo, indígname pensar nunha economía que se quere perpetuar no seu sub-desarrollismo con “Marinas D’or” e demáis pelotazos, en vez de apostar por unha industria de fabricación de paneis solares ou elaboración de combustibles ecolóxicos.
Pero os galegos, abrámonos ó romanticismo, sempre fomos un pouco suecos; ó noso aire, e como si a cousa non fose connosco. Por iso aínda quedan moitas cociñas de ferro, que quentan e fan de comer ó precio de se dar un paseo co tractor e a motoserra de vez en cando, a limpar unhas mimosas ou un pino seco dunha coutada (de feito, aqueles visionarios que teñan unha cociña-calefactora, de esas que fan de caldeira de auga, poden estar orgullosos de ser unha vangarda europea). Así de sinxelo se empeza a facer unha política enerxética sostible, aproveitando sin despilfarrar o que se ten a man. Queimar en caldeiras os restos das cortas forestais, producir metano cos purins gandeiros, instalar paneis solares nos tellados… son moitas das posibilidades (unhas máis baratas que outras) enerxéticas do rural galego, que podería pasar de supervivinte a boiante si unha aposta así se levase adiante con éxito. Para iso, hai dous camiños: Que as nosas institucións abandonen o trato de favor que lle están a dar a unha manada empresas, unhas foráneas, e outras con capital galego, pero pouco comprometidas co desenvolvemento de Galicia; ou ben, que nos, os galegos, procuremos informarnos o máximo posible e que, de iso, xurdan unha grande suma de pequenas iniciativas empresariais e domésticas que aproveiten a riqueza da nosa terra, sin facer grandes balances enerxeticos e grandes contas que ó final… benefician ós que están detras de elas.
Ben certo que eses dous camiños pagan a pena para o desenvolvemento do país.
Comment by mourullo — February 14, 2006 @ 10:46 pm
Eu tamén quero facerme o sueco, aínda que ó principio supoña algunhas molestias.
Comment by Manoliño Captura — February 15, 2006 @ 12:57 am