Sementeira de centeo /06.
O plan para este ano, na faceta de aprendiz de agricultor ecolóxico, era redondo e iba rodando ata que aconteceu un vuelco inesperado a finais de novembro, que me obrigara a parar de prepara-la leiriña que tiña destinada ós cereais de inverno. Na urxencia de sementa-lo trigo, máis delicado, decidín repartilo en tres cachiños de outros terreos e pospuxen a sementeira do centeo.
Disque non hai mal que por ben non veña, e o avatar resultou en que, na feira do vinteún de decembro, aquí en Redondela, levei unha grata sorpresa.
Que eu saiba, xa nadie sementa trigo nin neste concello nin nos limítrofes (como O Porriño, que sí presume de pan autóctono, e con razón), así que tiven que pescudar na provincia da Coruña para atopar quen tivese semente do que poidamos chamar “trigo do país”. Na Gran Enciclopedia Galega, aparece unha relación bastante extensa das variedades cultivadas tradicionalmente en Galicia, e ignoro cales se conservan aínda e a cal pertence o que eu conseguín, pero polo menos este é o segundo ano que podo dicir que sementei trigo autóctono.
Co centeo, en cambio, a cousa iba por outro camiño. Nin na Gran Enciclopedia, nin en outras fontes que consultei, se fai referencia a que exista variedade de tipos, así que este sería o terceiro ano que me conformase co que me venden na tenda, saiba vostede de onde. Vou enche-lo peito e dicir que, para variar, foi o centeo o que me pescudou a mín e, na última feira local do ano pasado, presentóuseme no posto de unha señora que ven sempre a vender sementes. Nun saco puña “Centeo”, pero noutro líase “Centeo alto do país”. A diferencia entre o gran é máis patente do que aparece na foto, que non se distingue grande cousa; o do país (arriba) é un pouco máis dourado que o que tiña botado estes anos pasados (abaixo). Agardarei a ver si a planta tamén é diferente. A señora fíxome unha lixeira rebaixa cando lle pedín catro kilos e, amable, explicoume que llo mercara a un señor de Ourense, que o botaba para facer pan e vendía parte do excendente para semente.
Hoxe, adaptando os plans ás novas circunstancias, sementei o meu centeo alto do pais onde estaba previsto, coa axuda e compaña do meu pai, coa incertidumbre de non saber qué tal resultará unha sementeira tan metida no inverno, que non é nin de outono nin serodia. Saberémolo en meses vindeiros.
Meus pais adicanse tamén a experimentos agrícolas deses, pero ainda non lles deu nunca polo trigo, que eu saiba…
Saúdos.
Comment by Hai Cada — January 26, 2006 @ 12:56 am
Non me fagas moito caso, pero penso que pola parte de Sárria aínda séguese a emprega-lo trigo do país.
Comment by Manoliño Captura — January 26, 2006 @ 3:16 pm
Noraboa polo esforzo. Non sei se tes acceso ó meu correo (aparece cando me identifico, pero non entendo un carallo de blogs). Se é así mándame un correo e dareiche un montón de información sobre cereais autóctonos (variedades, doses de sementeira, datas, etc), ou polo menos contactos para que chos podan proporcionar. Xa hai moito feito, pero desgraciadamente é información técnica que non está a disposición da xente na web.
PS A maioría dos ensaios están feitos co que se chama “trigo do país”, variedade panificable, pero non de moita forza, polo que hai que misturalo con fariñas de forza para obter bon resultado. Os pans obtidos teñen a característica de resesar menos que os de variedades foráneas. E paro xa que me estou a enrollar moito.
PS2 Eu non che son nada partidario da agricultura chamada “ecolóxica”
Comment by eSedidió — January 26, 2006 @ 11:48 pm